Final dá Copa Deputación infantil entre o noso equipo e o Verín nunha tarde moi calorosa e con presenza de moitos siadeiros vindos das dúas vilas conseguindo un gran ambiente.
O partido comezou con dominio territorial do Verín, pero sen crear perigo nos seus ataques, todo o contrario que os nosos que cando conectaban os xogadores máis adiantados creaban moito perigo.
Así chegamos aos 22 minutos de xogo cando Antón recolle o balón, pásao a José que avanza polo centro e envía un pase preciso ao oco onde Izan escápase por velocidade e cruza o esférico na saída do porteiro marcando o primeiro gol.
Nós seguiamos creando ocasións aínda que non chegabamos a disparar con claridade. Nunha desas chegadas acabou nun córner que foi sacado con Arturo e Chechu, adiantándose á defensa logrando conectar a súa cabeza co balón de forma extraordinaria logrando o segundo gol do encontro, co que chegamos ao descanso.
A afición durante este período conseguiu levar ao noso equipo polo aire dándolle forzas onde non as había e refrescándolles co seu alento para intentar amortecer a calor sufocante. A marea amarela facía o seu traballo.
Na segunda parte o Verín modificou o seu esquema táctico ao subir ao lateral ao centro campo e utilizar a súa forza e velocidade para desbordar polas bandas, pero os nosos defensas gañaban a partida unha e outra vez o que foi minguando a capacidade dos nosos rivais.
O terceiro gol terminou co empuxe do Verín definitivamente e apropiámonos do control do balón. Este gol veu como consecuencia dun gran pase de Antón que Gabri controla e cruza á saída do porteiro.
Os siadeiros, que sen dúbida foron o noso xogador número 12, vibraron co gol e o xogo dos nosos rapaces. A euforia desatouse en todos cando o árbitro pitaba o final e conseguiamos a primeira Copa Deputación do club.
O Verín demostrou o por que da súa clasificación para a final. Un equipo con moita calidade e forza que intentaban xogar o balón pero que se atoparon cun Ribeiro moi concentrado durante os 80 minutos, sabendo todos os seus xogadores o que tiñan que facer para levar o trofeo.
A deportividade dos dous equipos e siadeiros foi exquisita durante todo o partido, sobre todo coa entrega dos trofeos onde o comportamento do Verín, co seu adestrador á fronte, foi extraordinario.
A celebración continuou no vestiario. Impresionante. Máis tarde fomos á fonte da Alameda onde nos bañamos, ou nos bañaron, terminando a primeira parte da festa na Praza Maior.
Desta forma terminamos o penúltimo partido da tempada de forma brillante. pero terminarémola en París xogando un partido en Versalles.
SI, SI, Si NOS IMOS COA COPA A PARÍS
Xogaron polo Ribeiro: Brais (Diego); Rojo (Xian), David, Chechu e Borja (Kevin); José, Arturo (Sergio) , Gabri, Izan , Chispas(Claudio) e Antón.
Goles: Izan, Chechu e Gabri