O club en Radio Ribeiro-Cadena Ser


O luns fomos protagonistas da radio cun programa especial no que puidemos expresar os nosos proxectos, as nosas ilusións e, sobre todo, as nosas inquietudes.

Entre os interlocutores atopábase Arturo Sendín, empresario francés, natural de San Cristovo, que acaba de asinar un patrocinio por tres anos co noso club para o 2ª rexional. Na súa intervención ilusionounos coa súa forza e sorprendeunos coa súa intención de levar ao equipo ata moi, moi arriba.
Tamén nos descubriu a viaxe que teñen os infantís do noso club no que xogarán cun equipo próximo a Versalles e realizarán unha visita inesquecible ao Parque dos Príncipes.

O adestrador dos infantís comentounos os retos inmediatos do seu equipo, semifinais de Copa Deputación e Promoción de Ascenso. Tamén profundou na viaxe que realizarán a Paris unha vez acabada a tempada.

Santi Fernández, adestrador dos xuvenís e un dos xogadores máis emblemáticos de San Cristovo achegounos os problemas do seu equipo.

Mentres que Alberto Tizón explicounos os problemas derivados da falta de instalacións adecuadas, así como a nosa preocupación pola falta de información da Administración pública, Concello e Xunta, sobre o campo de herba artificial.

Este tema tan importante para o devir do noso club realmente quítanos o soño, xa que a tempada que vén contaremos con 8 equipos e non contamos cunhas instalacións adecuadas para seguir desenvolvendo o noso proxecto, sobre todo porque non atopamos respostas ás nosas inquietudes.

Mentres tanto o Concelleiro de Deportes e o Director do Servizo Municipal de Deportes seguen desaparecidos da face da terra.