Continuamos coas entrevistas iniciadas o mes pasado e, aínda que sexa o último día do mes e do ano, cumprimos co noso compromiso de realizar unha entrevista cada mes. Nesta ocasión achégase á nosa páxina web o Concelleiro de Deportes do Concello de Ribadavia, e xa que logo o máximo responsable do deporte ribadaviense

 

Anxo Collarte é Concelleiro de Deportes do Concello de Ribadavia polo BNG

 

P-Levas ano e medio como responsable da Concellaría de Cultura e Deporte do Concello de Ribadavia. No referente ao deporte ¿Cómo atopaches o deporte na Comarca e máis especialmente no Concello?

 

R.-Apréndese moito cunha responsabilidade como esta, que é complicada pero tamén ilusionante. Permitídeme que me extenda nalgunhas das miñas respostas. Respecto da situación deportiva na comarca, gustaría equivocarme na miña apreciación, pero entendo que estaba e está case todo por facer no que respecta a deporte de base (agás no caso do deporte escolar) e deporte de mantemento (aquel que se oferta á xente adulta e que tamén se denomina deporte para todos ou deporte saúde). Nos concellos soe haber un campo de fútbol e un pavillón deportivo pero na práctica estas instalacións non teñen máis uso ca o dos partidos semanais de fútbol e fútbol sala, por tanto sen descoidar o mantemento destes deportes de competición, hai moito que facer no deporte formativo ou de base e no deporte saúde ou de mantemento que son os que realmente van elevar o nivel de preparación deportiva da nosa xente. Soamente Ribadavia estaba cumprindo este obxectivo, porque dende que se construíu o pavillón municipal O Consello, as diferentes corporacións viñeron preocupándose por crear unha estrutura estable de actividades deportivas de base e de mantemento ao redor do Servicio Municipal de Deportes. O problema para Ribadavia é que dita estrutura supón un custe de mantemento moi elevado. Entre os concellos do Ribeiro poderíase actuar conxuntamente, así Ribadavia soportaría mellor o mantemento de instalacións e persoal e os demais concellos poderían ofertar aos seus veciños uns servizos que por si mesmos non poden manter. Polo demais, en canto aos clubes federados atopeime cunha serie de xente entusiasta que adica ao deporte unha parte moi importante do seu tempo libre e mesmo da súa economía persoal. Sen esa xente e o seu aporte, ao igual que sucede noutros campos do deporte, as artes ou a cultura, non sería posíbel manter a grande actividade de clubes deportivos que temos a sorte de disfrutar en Ribadavia. Si que lamentei ao chegar a concellería que non existira algo máis de colaboración nin de normalidade nas relacións entre clubes, pero nisto tamén se foi mellorando e é outro motivo máis de agradecer á xente que traballades polos clubes deportivos.

 

P- ¿Cal é, dentro do Programa de deportes, a túa prioridade?

 

R- Entendo que a prioridade dunha institución pública no ámbito do deporte debe ser dar oportunidades á xente para que practique deporte, dende a competición á práctica de mantemento, dende a terceira idade á infancia, dende os homes ás mulleres, dende a vila ás parroquias e dende os clubes ás persoas individuais. Por tanto a prioridade é incrementar a práctica deportiva no Concello de Ribadavia. Para elo é necesario mellorar as instalacións, e tamén a xestión do Servizo Municipal de Deportes. Por tanto eu definiría dúas áreas prioritarias de cara a unha maior preparación deportiva en Ribadavia: -Instalacións -Xestión do SMD Nas instalacións partimos dunha serie de recintos deportivos (dous pabillóns, unha piscina, dous campos de fútbol, canchas de tenis) que se atopan espallados, o que encarece o seu mantemento e xenera incomodidades aos usuarios. É a herdanza de que durante anos se foron atendendo as demandas da xente pero sen unha planificación xeral. Ademáis o deseño foi manifestamente mellorable en moitas desas instalacións, polo que hoxe consumimos moito tempo, enerxías e cartos en reparacións e mantemento desas instalacións. Por sorte puidemos mellorar o ximnasio do pabillón O Consello e imos tratar de levar o mantemento de instalacións o mellor posíbel. Creo que 2009 pode marcar unha nova etapa porque estamos en disposición de colocar no novo Xestal a primeira pedra da cidade deportiva que permitirá racionalizar e abaratar a xestión das instalacións deportivas municipais e ofrecer máis calidade e comodidade aos usuarios. Non creo que eu vaia ser o concelleiro de deportes cando ese proxecto se remate, porque é unha actuación a longo prazo, pero creo que será asumida polos meus sucesores. A xestión tamén é unha prioridade. Se a xente está razoabelmente satisfeita co servizo que se lle ofrece aumentará o número de usuarios e os ingresos do SMD. Neste sentido, na segunda metade desta lexislatura municipal imos tratar de explorar os camiños que nos leven a que o SMD se convirta nun organismo autónomo, tal e como acontece xa noutros concellos, para dar maior axilidade e estabilidade na xestión.

 

P- ¿Cómo está, nestes momentos, o proxecto do campo de fútbol de herba artificial?

 

R- Trátase dunha actuación integral, non só imos crear un campo de fútbol de herba artificial, senón que Ribadavia vai ter un novo estadio. A día 31 de decembro temos sobre a mesa un proxecto básico de reforma das instalacións municipais do Xestal e estase redactando o proxecto de execución. Sobre a base dese proxecto de execución asinarase (en xaneiro-febreiro de 2009) un convenio entre a Consellería de Cultura e Deporte e o Concello de Ribadavia un convenio para executar en 2009 e 2010 o novo Xestal. En 2009 transformaríase o terreo de xogo á herba artificial, colocaríase a iluminación e as instalacións perimetrais. En 2010 construiríase un edificio auxiliar (4 vestiarios para xogadores, 2 vestiarios para árbitros, sala de reunións de clubes, cantina, almacén de clubes, almacén do servizo de deportes) e unha nova grada. Todo isto ascende a algo máis dun millón de euros e o compromiso da Xunta é aportar o 80%. Como ao Concello non lle sobran os cartos imos solicitar tamén o apoio do CSD e da RFEF, que dispoñen de fondos procedentes das quinielas para apoiar a construción de instalacións futbolísticas de base. Por tanto, temos que ter o campo de herba artificial para o comezo da tempada 2009-2010 e o novo Xestal rematado para o comezo da 2010-2011.

 

P- ¿Qué necesita Ribadavia para crecer no deportivo?

 

R- Para crecer no deportivo non hai varas máxicas, pero seguro que se xuntamos unha serie de elementos poremos as bases para ese crecemento: -Mellores instalacións. Son a base de todo proxecto de formación deportiva. -Dignificación da práctica deportiva. Practicar deporte é un ben en si mesmo, porque aporta benestar e debemos apoiar a quen practica deporte independentemente da relevancia pública que acade. -Diversificación. A práctica multideportiva é un elemento positivo, os paises que mellor promoven o deporte teñen unha ampla práctica de todo tipo de disciplinas deportivas. -Coordinación. Se clubes e concello dialogan e reman na mesma dirección chegarase a bo porto. -Consensos básicos. O deporte non pode ser obxecto de controversias partidistas. Deben consensuarse os grandes obxectivos do deporte municipal (instalacións, xestión) e vencer ás tentacións de utilizar os clubes como plataformas de autobombo partidista ou arma arroxadiza segundo quen goberne no concello. -Superar barreiras. Cómpre achegar máis o deporte ás mulleres e á poboación adulta e anciá, vencendo os prexuizos e tópicos tradicionais sobre o deporte feminino e veterán e facendo do deporte un elemento básico para a calidade de vida da sociedade no seu conxunto. -Valorar o propio esforzo. Acadar unha situación óptima na práctica deportiva non require que apareza ningunha estrela mediática ribadaviense, o mérito maior é que o deporte chegue á xente e aos lugares a onde non chegaba e se asente alí onde xa estaba presente.

 

P- Nuns días celébrase a 2ª edición do Torneo de Fútbol 7 alevín. ¿En qué medida colabora o Concello co Ribeiro F.C., organizador do Torneo, e qué previsións de colaboración tes para o 2009?.

 

R- Certamente estou a contestar a touro pasado e polo éxito que supuxo o II Torneo de Futbol 7 Alevín parto coa vantaxe de poder felicitar xa ao Ribeiro FC polo seu traballo antes, durante e despois do torneo. O Concello colaborou coas instalacións, que se prepararon co concurso dos medios da Consellería de Servizos, e con algúns fondos. Creo que se fixo un esforzo importante na posta a punto das instalacións, se melloramos o Xestal creo que esa parcela teremola cuberta para que o Torneo Alevín siga medrando. Queda a asignatura pendente dun maior apoio económico e promocional. Traballando con máis tempo dende o concello poderemos colaborar máis estreitamente na consecución de máis patrocinios e na difusión aínda máis ampla do evento.

 

P- ¿Qué significa a realización do Torneo para Ribadavia?

 

R- O nivel deportivo e organizativo foi moi elevado e supón o punto de partida para converter o torneo no evento de referencia a nivel autonómico e poder chegar a ser nunha das referencias a nivel estatal se se logra o salto a dispor de equipos de fora da Comunidade Autónoma Galega. Esto que xa é un logro a nivel deportivo pode adquirir tamén unha dimensión da que non nos podemos esquecer e que sei que tivestes ben presente, que é a de dar a coñecer Ribadavia aos que nos visitan e que se trata dunha das dimensións máis importantes dos beneficios que os clubes deportivos aportades ao entorno social no que vos atopades.

 

P- Nas diferentes comarcas da provincia de Ourense iniciouse un proceso polo que os Concellos se fan cargo das Escolas de Fútbol xa creadas (Celanova, Xinzo, Carballiño...) ¿Qué se debe mellorar na repartición de subvencións ás entidades deportivas para que isto non ocorra?

 

R- Un concello debe de soster aqueles servizos que sexan necesarios cando as entidades sociais non o fagan e en todo caso debemos subvencionar as escolas de base como a que vós con tanto esforzo mantedes (en equilibrio con outros deportes). Se nos orientamos a unha actividade futbolística pensada unicamente na aprendizaxe e práctica dunha disciplina deportiva estariamos asumindo o papel que debe xogar unha institución municipal no deporte: fomento da aprendizaxe e a práctica deportiva que contribúa á formación integral das persoas. Se, en troques, encaramos o fútbol de base dende a perspectiva da competición e da formación de xogadores para as categorías profesionais coido que o labor dun concello rematou e debe adquirir protagonismo o patrocinio privado. En resume, o mellor é que as escolas deportivas as xestionen os clubes, posto que ofrecen unha vía integral de crecemento, evolución e mantemento do deportista, dende as categorías de base ás de competición e incluso ás de veteráns, e que as institucións ofrezan instalacións, pero sen perder de vista que as institucións públicas deben primar a formación deportiva antes que a competición.

 

P- ¿Qué implicación da empresa privada debe producirse para que o Deporte en Ribadavia, e máis concretamente no fútbol, rexurda das súas cinzas?

 

R- Sen implicación da empresa privada non hai maneira de dignificar a práctica deportiva. Para os clubes e mesmo para o propio SMD é un reto recabar patrocinios privados. Pero para que as empresas viren os seus ollos dende as megapotencias do fútbol profesional cara o deporte de base é preciso que os propios afeccionados fagan o mesmo e teñan como a súa primeira prioridade o clube onde xoga o seu fillo. As empresas tratan de facerse visibeis e de mellorar a súa imaxe, por iso invisten onde se concentra a atención da xente, se a xente se fixa máis no labor que realiza unha empresa patrocinando a 100 equipos de base ca no que fai pagando a camisola dun grande clube, as empresas centraranse máis no deporte de base. O consumidor, tamén o consumidor de fútbol, ten un enorme poder, pero case nunca o utiliza.

 

P- Para terminar e tendo en conta cércao que estamos do Nadal, Que soño gustaríache facer realidade o ano que vén?

 

R-Sen dúbida o campo de herba artificial do Xestal. Se hai algún deporte que me gusta practicar e do que esté pendente é o fútbol e non sabedes o gusto que me daría poder xogar alí algunha pachanga cos amigos aínda que fora en formato fútbol 7.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

SERGIO CORTÉS RODRÍGUEZ

Presidente del RIBEIRO F.C.